O Paxarote di:


Cerca do río, unha pega parolaba nun olmo coa ollada no ceo. Regueifaron os merlos. Unha pasada por arriba do peregrino macho e a pega escondeuse nunhas matas. De pronto, un fogonazo no día. O falcón brillou entre nubes coma raio de sol pasaxeiro. Despois, deixou atrás un fundido en gris e desapareceu.

(El Peregrino. J.A. Baker. Traducción de Xosé Manuel Varela)

Todas as fotografías publicadas neste blog foron obtidas en estado salvaxe. Sen cebos, reclamos ou gravacións. Priorizando o benestar das aves e tratando de non interferir no seu comportamento.

domingo, 17 de diciembre de 2017

O ESCONDITE

A foto do día foi...


Na vizosa ribeira de Cecebre os paxariños agóchanse o paso das persoas. Normal, téñenos medo.
Estes verderolos campan pola veira picando na terra, e cando te ven...arriba pas polas.
Fan ben.

¿QUÉ, VAI CHOVER OU NON?

A foto do día foi...

Chasca / Tarabilla / Saxícola rubicola

A seca que nos acompaña está a facer moito dano os nosos ríos e humedais, e como consecuencia directa ás nosas aves.
Cecebre está en niveis moi baixos.
Este Corvo grande de metal, que nos da a benvida no observatorio de Crendes, mantense vixiante. Parece que a chasca quere axudar.
E que chova ¡¡¡

martes, 24 de octubre de 2017

OUTUBRO EN VERDES

A foto do día foi...

Melro rieiro / Mirlo acuático / Cinclus cinclus
Ocres, vermellos, azuis, verdes e brancos envoltos na cálida luz do Outono galego.

jueves, 12 de octubre de 2017

PEDREIRO CINCENTO

A foto do día foi...


Pedreiro cincento / Collalba gris / Oenanthe Oenanthe

Andaba este  pedreiro enredando polas pedras nos campos da Torre.
Este pequeno túrdido, migrante subsahariano, é un paxariño moi elegante e vistoso.
Paga a pena parar a observalo, se che deixa...

miércoles, 4 de octubre de 2017

GARZOTA

A foto do día foi...

Garzota / Garza común / Egretta Garzetta
As garzotas son moi abundantes nos humidais do Mediterráneo.
Media levan co que lles gusta comer nos arrozales.
Parece que as de aquí tiran máis polo marisco de mar, non hai mais que ver a elegancia que poñen na mesa.

martes, 3 de octubre de 2017

GABITAS

A foto do día foi...

Gabita / Ostrero euroasiático / Haematopus ostralegus

Son unhas artistas escunchando ameixas, navallas ou calquera molusco ou crustáceo que se lle poña a tiro.
Sei que o peor que lles está a pasar é que a xente incomoda por donde aniñan, e fai que abandonen os ovos. Daquela éstos pasan a ser o menú de outros depredadores.
Eu digo que mellor non molestar e así deixamos que a natureza siga o seu camiño.

martes, 26 de septiembre de 2017

PILRO COMÚN

A foto do día foi...


Pilro Común / Correlimos común / Calidris alpina

Cansadas e famentas comenzan a arribar ós nosos humedais as limícolas procedentes do norte. Algunhas quedaran con nos e outras van a seguir cara o sur. 
Compre ser bo anfitrión para que volten tódolos anos. 

jueves, 24 de agosto de 2017

PÍLLARA REAL

A foto do día foi...

Uy, que quente está ¡¡¡
Píllara real / Chorlitejo grande / Charadrius hiaticula

Recién chegada dos seus cuarteis de verán, alá no norte de Europa, esta Píllara Real debe atopar a nosa auga moi quente.
Non hai mais que vela.

miércoles, 21 de junio de 2017

PARDAL

A foto do día foi...

Pardal / Gorrión / Passer domesticus
Saes da casa e... fiiiuuuuu ¡¡¡¡ aló van diante dos teus fuciños unha banda de pardales.
Qué maravilla cando saes a observar paxaros e xa che dan os bos días na porta.

martes, 30 de mayo de 2017

ESTORNIÑO NEGRO

O paxaro do día foi...

Estorniño / Estornino /  Sturnus Unicolor

-Os estorniños son negros.

-¿Seguro? No inverno teñen o pico escuro e no verán amarelo. E si lles da o sol...

-¿Qué pasa si lles da o sol?

-Póñense ben bonitos.


sábado, 13 de mayo de 2017

CARRIZA DOS XUNCOS

Carriza dos Xuncos / Buitrón / Cistícola juncidis

O ceo plomizo e cheo de nubes deixaba escapar raiolas de sol coa cicatería de Fagin, o avarento xefe dos ladróns en Oliver Twist.
Semellaba un puño pechado sobre o astro.
Vinme obrigado, como o protagonista da novela de Dickens, a virar en rateiro e roubar a pouca luz que de vez en cando fuxía entre os dedos pretos do ceo acunchado. 
O axexo, como un ave rapaz.
Nun despiste que tiveron as nubes vin a dar cun pequeno e valioso botín. Unha Carriza dos Xuncos.
Penso que din o golpe con bastante finura.

lunes, 1 de mayo de 2017

PIMPÍN MACHO E FEMIA




Pimpín macho / Pinzón macho / Fringilla coelebs
Pimpín femia/ Pinzón hembra/ Fringilla coelebs



Tomando uns viños na solaina dun hotel  en agradable compaña, tiveron a ben estes pimpíns vir a buscar a comida ó prado que tiñamos diante.
Non puden aguantar e fun pola cámara arrastrarme na herba. Menos mal que aínda íamos pola primeira ronda.
O macho e a femia recollian vermes para levar ó niño que teñen feito nos setos que bordean o lugar. Non sei se é un comportamento xeral dos xéneros en estes e outros paxaros, pero o certo foi que o macho non tiña contemplacións de ningún tipo e mostrábase moito máis agresivo a hora de cazar que a femia.
E velaí para que quede constancia.

sábado, 22 de abril de 2017

LIÑACEIRO E CHASCA

Liñaceiro / Pardillo /  Carduelis cannabina


Chasca femia / Tarabilla hembra / Saxicola rubícola

Os paseos polos campos da Torre de Hércules nunca son aburridos.
Segundo a época do ano que vas podes ver: tordos, melros, picas, estorniños, paporrubios, garzas, gaivotas, picafollas, xílgaros, rabirrubios, verderóns, pegas... e sobre todo liñaceiros e chascas. Moitas chascas.
Vas camiñando na súa compaña e raro é que non se pousen nunha pola. 
A min me da que son uns presumidos.
Pois nada, a cumprirlle o gusto.

domingo, 16 de abril de 2017

MELRO RIEIRO


Melro rieiro, Mirlo acuático, Cinclus cinclus


Melro rieiro, Mirlo acuático, Cinclus cinclus


Melro rieiro, Mirlo acuático, Cinclus cinclus

O melro rireiro é un paxaro con meigallo. O pequeno trasno do rio, sempre nos rápidos a procura de alimento.
Costóume unhas cuantas visitas e madrugóns facerlle unha sesión decente. Sempre aparecía a primeira hora, coa luz mais pobre. Un trasno.
Chega, mira arredor e chup¡¡¡ ó rio a pescar. Unha delicia.
E así durante toda a mañán.
E eu como quen está oíndo unha melodía fermosa. Hasta me tocou o violín.

domingo, 2 de abril de 2017

CARDEAL

Cardeal / Camachuelo / Pyrrhula pyrrhula
De volta a beira do río atopei este Cardeal apañando dente de león para o niño.
Do melro rieiro mellor non digo nada.

sábado, 1 de abril de 2017

TORDO COMÚN

Tordo común / Zorzal común / Turdus philomelos
Eu ando atrás dun Melro rieiro. O merlo sempre por diante de min. E un polo outro non damos coincidido.
Así que no vizoso bosque da ribeira os outros paxaros parecen máis dados a deixarse ver. Este tordo apousou moi cerca de min e botou unha cagada. Se non é por iso non o vexo. A súa camuflaxe é perfecta, parece a rama dunha árbore pola cor da súa plumaxe e o paradiño que está.
Do melro nin rastro. Polo de agora...

sábado, 25 de marzo de 2017

PICAFOLLAS

Picafollas / Mosquitero común / Phylloscopus trochilus

Na beira do pequeno regato as recién chegadas anduriñas rasean na tona da auga alimentándose dos insectos que abondan na superficie.
Todo un espectáculo, pero facerlle a foto pouco menos que imposible.
Na beira, os picafollas, os xilgaros e as chascas voan de pola en pola. Uns alimentándose e outros a beber. Tamén un carrizo pillabán bule diante de min. Máis espectáculo.
Despois de un bo anaco gozando co ir e vir dos pequenos tentei facerlle a foto ó picafollas. Difícil porque non aturan quietos. 
Pero a éste collino.

sábado, 11 de marzo de 2017

MAZARICO NEGRO

Mazarico Negro / Morito Común / Plegadis falcinellus


Mazarico Negro / Morito Común / Plegadis falcinellus



Esta mañán fun con Lucia, Antonio e Luis a ver o Mazarico oscuro que anda a parar na Ría de Pontedeume. Parecía que non íamos a velo cando Lucia  -ollo de falcón-  avistouno nuha volta do río, xusto no lado contrario de onde está normalmente.
Aló botou a voar e foi a parar ó lado dunha rampla. Pois correndo a ver si podiamos facerlle a foto.
Mais chulo que pichotes dóuse unha farta de comer diante dos nosos fuciños.
Cando pensas que fuches en balde e ponse diante de ti. Misterios da natureza.

jueves, 9 de marzo de 2017

PICAPEIXE

Picapeixe / Martín pescador / Alcedo atthis 


Picapeixe / Martín pescador / Alcedo atthis 

Na compaña dun bo amigo, disfrutei coas mañas de pesca do picapeixe nun dos pousadoiros que ten na Ría do Burgo.
Xa anda a parella a facerse as voltas que teñen a primavera soprándolle as plumas. Aínda falta un pouco, pero en canto teñan a posta vai a ser unha chea de traballo darlle de comer os polos.
Non deixa de abraiarme a súa dedicación e empeño en sacar para adiante a niñada.
Un verdadiero espectaculo da Natureza.

viernes, 24 de febrero de 2017

GABEADOR COMÚN

Gabeador común / Agateador europeo / Certhia brachydactyla

Bordeando a Lagoa de Cospeito na procura do observatorio, parecéume ver polo rabecho do ollo unha boliña de plumas, toda nervosa, gabeando polas árbores que bordean o camiño.
Ía e viña de pola en pola e facíaseme difícil de ver ben. Debía de ser moi presumido porque se parou preto de min o tempo suficiente para facerlle unha fotos.
E namáis tampouco, logo marchou.

domingo, 19 de febrero de 2017

CEGOÑA BRANCA




Cegoña branca / Cigüeña blanca / Ciconia ciconia

Por San Blas, a cegoña verás. Por San Blas, a cegoña verás. Por San Blas, a cegoña verás. Por San Blas, a cegoña verás. Por San Blas...
Así que fun a velas.

lunes, 13 de febrero de 2017

MAZARICOS EN RIAZOR





Mazarico Trinador / Zarapito trinador / Numenius phaeopus

Mazarico Trinador / Zarapito trinador / Numenius phaeopus


O Sábado pola mañán, a pesares do mal que viña o día, atrevinme a ir ata Riazor a ver si fotografiaba ós biluricos escuros. Nin rastro.
Nun par de horas contei cinco virapedras, dous corvos mariños e catro mazaricos trinadores.
Éstes últimos xusto cando sairon unhas raiolas de sol.
¡¡¡Click!!!

domingo, 22 de enero de 2017

CHOIA

Choia / Chova piquirroja / Pyrrhocorax pyrrhocorax



De andaina polo entorno da Torre de Hércules é moi difícil non pasar unha mañán ben agradable observando aves.
Esta foi das primeiras en vir a darme os bos días.

PÍLDORA DOURADA

Píldora Dourada / Chorlito Dorado / Pluvialis apricaria

Mañanciña na Torre de Hércules.
As chascas son as primeiras que se deixan ver. Atrás delas, parece que o ensaian, os paporrubios.
Eu sabía que por alí andaba o picafollas de Hume pero non exactamente donde, así que fun dar a volta a Punta Herminia. De camiño atopeime con Manuel Sánchez que me dixo onde andaban as píldoras douradas e alá fumos.
Velaí o bonitas que son.

PD: Tamén me dixo onde atopar o picafollas, pero as fotos que lle fixen non son moi boas. O  pillabán ten o abelurio no cú.

sábado, 14 de enero de 2017

MAZARICO RUBIO



Mazarico Rubio / Aguja colipinta / Limosa lapponica



Hoxe fun a Lagoa de Baldaio 
Ir a Baldaio é sempre unha gozada para os que disfrutamos contemplado paxaros. Así que a mañán foi moi entretida con picas, chascas, gaivotas, biluricos, pilros, mazaricos, corvos, e un turista despistado que quería ir a Coruña. A ese non lle fixen foto pero púxenlle nome: Empanadus Empanadus. 
Asi que na zona intermareal disfrutei un bo anaco coas limícolas, e este mazarico rubio tivo a ben pasear por diante dos meus fuciños.